
Grazas á invitación do Concello de Gondomar, a activista feminista e abolicionista, nacida en Romanía e afincada no País Vasco, visitou durante dous días a vila condal. O luns realizou unha visita ao IES Auga da Laxe onde mantivo un encontro co alumnado de 1º da ESO. Onte martes pola mañá acudiu ao IES Terra de Turonio, onde departiu con rapaces e rapazas de 4º da ESO.
Xa pola tarde participou nunha sesión aberta do “Clube das Lecturas Debuxadas”, organizado polo Concello de Gondomar en colaboración con Espazo Lectura dentro dos actos programados polo día do libro e que contou coa participación de decenas de persoas que encheron a sala da Biblioteca Municipal onde se celebrou o encontro, no que estivo acompañada polo alcalde Paco Ferreira e membros do goberno municipal.
O rexedor tivo a oportunidade de departir uns momentos coa escritora que dedicou ao pobo de Gondomar dous exemplares dos seus libros que se atopan na Biblioteca Municipal a disposición dos seus usuarios.
Amelia ten publicados varios libros e un cómic titulado “Amelia, la historia de una lucha”, coa intención de chegar ao público máis novo, e vén de publicar recentemente “La revuelta de las putas”, onde conta a súa experiencia vital tras ser explotada sexualmente polas mafias da prostitución en España, e como puido refacer a súa vida e renacer.