Nigrán aproba o plan estratéxico de subvencións ata o ano 2023

O goberno de Nigrán aprobou en solitario no pleno ordinario do mes de Abril o plan estratéxico de subvencións 2020-2023 para poder incorporar novidades, moitas delas que xa contaban con consignación orzamentaria pero que non figuraban neste plan. Así, inclúese no documento os 60.000 € xa previstos para as seis comunidades de augas de Camos e Chandebrito, 40.000 € para colaborar na construción dun ximnasio no CEE Juan María, outros 40.000 € para a asociación de repatriación do mosaico romano de Panxón, 4.000 € para Baisenpulgas. A maiores, engadíronse axudas como 4.000 € para a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños con sede en Nigrán CEMMA, 4.000 € para a Fundación Igualarte, 2.500 € para a asociación Ledicia Cativa ou 4.000 € para Protección Civil Val Miñor.

“En moitos casos trátase simplemente de garantir a consignación orzamentaria que xa realizáramos antes, como é o caso do mosaico de Panxón, comunidades de augas ou o ximnasio do CEE Juan María, noutros fixemos as dúas cousas xa, consignación e inclusión no plan”, explica o alcalde, Juan González, quen xustifica o proceso “para simplificar os trámites de ingreso dos cartos”.

Neste plan que arrancou no 2020 figuran desde o inicio a Esperanza do Val Miñor (2.500 €); Fundación Menela (4.000 €) e a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (2.500 €) para proxectos de cooperación ao desenvolvemento, axuda humanitaria ou sanitaria, formación ou o programa “Vacacións en Paz”. No caso do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que anualmente percibía 2.500 €, ascende a contía ata 12.500 € para incluír a participación do Concello de Nigrán no proxecto NADAFA de recollida de lixo e concienciación ambiental nos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Arxelia).

No caso das comunidades de augas, o Concello xa aprobara unha liña específica de subvencións de 10.000 € coa finalidade de mellorar as instalacións ou regularizar estas captacións veciñais destinadas a dar un servizo aos barrios onde non chega o abastecemento público, a diferencia é que agora as inclúe neste plan estratéxico aumentando ata 60.000 € a contía. “En parroquias como Camos ou Chandebrito, onde non chega o abastecemento público a todo o territorio, estas comunidades son as que precisamente garanten este servizo básico aos veciños, polo que desde o Concello consideramos que debemos compensar o seu esforzo coa nosa axuda económica”, explica González, quen lamentou especialmente que o PP municipal se amosase desfavorable ao tachalas de “asociacións privadas”, así como que criticaran os 40.000 € para construír un ximnasio no CEE Juan María por consideralo “un gasto excesivo”.