Xornada científica en Nigrán

O IES Val Miñor, en colaboración co Concello de Nigrán, organiza unha xornada científica nun acto onde o alumnado de segundo de bacharelato presentará os seus proxectos de investigación e Joaquín Araújo impartirá unha conferencia-coloquio.

O próximo venres, 29 de abril, ás 18:00 horas, no Auditorio do Concello de Nigrán, o alumnado do IES Val Miñor presentará os seus proxectos de investigación que realizaron durante os dous anos nos que cursaron o bacharelato. Estes proxectos de investigación realizáronse dentro do programa STEMBach en colaboración con investigadores da Universidade de Vigo, coordinados polo catedrático de ecoloxía Emilio Fernández e do Instituto Español de Oceanografía. Os traballos afondan en temas relacionados coa contaminación, coa economía, coa xenética de poboacións ou cos efectos do cambio climático no océano da contorna do Val de Miñor.

O prestixioso naturalista Joaquín Araújo pechará a xornada cunha conferencia-coloquio. Joaquín Araújo é un polifacético naturalista que leva dedicado máis de 50 anos ao estudo e divulgación de temas relacionados coa Natureza e o Medio Ambiente. Autor de máis de 110 libros, guionista e presentador de documentais, divulgador, conferenciante e frecuente colaborador en medios radiofónicos e de televisión, Araújo é o único español que recibiu en dúas ocasión o Premio Nacional de Medio Ambiente e o Premio Global 500 outorgado pola ONU. Colaborou con naturalistas tan coñecidos como Félix Rodríguez de la Fuente.

A xornada poderá seguirse por streaming accedendo á páxina web do IES Val Miñor.