
A Asociación de Veciños San Martiño de Borreiros homenaxeou este sábado a Latino Rodríguez Areal, o que foi o carteiro da parroquia durante 39 anos, con motivo da súa xubilación. Os veciños agradeceron o seu traballo e dedicación, nun acto no que Latino demostrou que coñece as direccións, os nomes e ata o DNI de moitos deles. Despois de participar nun particular “Pasapalabra” e da proxección dun vídeo no que os veciños e veciñas desexáronlle moita sorte e felicidade nesta nova etapa, Latino recibiu un detalle de parte da Asociación de Veciños, un carballo de Sargadelos coa inscrición “Carteiro arraigado como as raíces do carballo”. Non faltou outro agasallo de parte de Correos e dos seus compañeiros. Antes de finalizar o acto, Latino “inaugurou” a caixa de correos do centro cultural, xa que ata o de agora o edificio non contaba con ningún, xa que el encargábase persoalmente de levalas á oficina.
“Síntome alagado de que esteades aquí todos vós. Como vós sabedes eu son veciño de Borreiros e seguirei estando aquí para o que faga falta. Levo dentro a parroquia, nacín, vivo e sempre desfrutei dela e gústame que sexa unha parroquia con orgullo e con presenza. Creo que fixen o meu labor o mellor que puiden facela, e estou orgulloso. A parte era un traballo que me gustaba, permitiume vivir dese traballo. Ao ser nativo de aquí é distinto, non é o mesmo que cando vén alguén de fóra, non ten tanta relación co pobo como podo ter eu. Agora vén unha nova etapa e estou contento. Grazas a todos por estar aquí acompañándome e que estivésedes contentos co labor que fixen durante tantos anos en Borreiros”, destacou Latino na súa intervención visiblemente emocionado.
Latino naceu en Borreiros en 1957. Fillo de Stilita e Manuel é o terceiro de catro irmáns. O seu pai foi carteiro na parroquia eventualmente. Durante as súas épocas mozas non perdeu tempo e estudou administrativo por nocturno. Comezou a traballar en Correos no ano 1983 con 27 anos. Ademais forma parte como vogal da Asociación de Veciños desde o ano 1978. Desde maio de 1985 é presidente da Comunidade de Montes de Borreiros de forma moi activa. Casou en 1991 con María Rita, veciña da parroquia, e en 1995 tiveron unha filla. Tamén é actor recoñecido da compañía de Teatro A Xesta Vermella de Borreiros.