O Trofeo Comunica saca a escena a máis de 40 barcos polas rías de Vigo e Pontevedra

Máis de 40 barcos de Galicia e Portugal disputaranse a primeira competición de cruceiro que o Monte Real Club de Yates saca a escena neste 2022. O Trofeo Comunica, que o club baionés organiza xunto co Real Club Náutico de Vigo e a Mariña de Combarro co patrocinio da empresa da Guarda Comunica Comunicación Visual, incluirá dúas regatas costeiras que percorrerán as rías de Pontevedra e Vigo.

Ás doce do mediodía, un grupo de 8 tripulacións partirán de Combarro rumbo a Baiona cunhas 23 millas de trazado por diante. No percorrido os veleiros navegarán polas proximidades das illas Ons e Cíes, e terán as balizas de La Negra e Carallones como pasos obrigados. Desde Combarro navegarán barcos como o Ronáutica Marinas de Jorge Carneiro (CN San Telmo), o Maracaná de Carlos García (RCM Aguete), La Increíble, de Manuel Cameans (Ro Yacht Club) ou o Balea Dous de Luis Pérez (RCN Rodeira), entre outros.

Ás dúas da tarde darase o bocinazo de saída á frota que elixiu Vigo como punto de partida, un grupo máis numeroso formado por máis de 30 equipos. Para eles, as instrucións de regata prevén diferentes percorridos entre os que se escollerá o máis adecuado segundo as condicións de vento e mar, que segundo as previsións serán bastante boas.

No percorrido de entre 13 e 20 millas entre Vigo e Baiona competirán, na clase ORC, barcos como o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo), o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RNC Vigo), o Secolite de Javier Rey (MRCYB), La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño), o Unus de Luis García Trigo (MRCYB), o Nahela de Víctor Manuel Álvarez (CD Alagua), ou a tripulación portuguesa do Ifaclinic.com (Iate Clube do Porto), liderada por Joao Allen, entre outros.

4 embarcacións inscribíronse para competir na categoría de A Dous, con patrón e un único tripulante a bordo. Son as do Salaño Dos de Jacobo Vecino e Brenda Maure (RCN Vigo), o Bonaventure de José Luis Ríos e María Jesús Montes (RCN Vigo), o Lacazán de Mariano Benavente e Roberto Telle (LM Bouzas) e o Alalunga de Rodrigo Rodríguez Gutiérrez e Rodrigo Rodríguez Campos (CM Canido).

Todos os ORC competirán con tempos compensados e os monotipos J80 e Fígaros farano en tempo real. Entre a frota de 8 metros estarán o Miudo de Yago Marquina, o Namasté de Luís de Mira, o Spaco de Santiago Estévez, o Cansino de Alejandra Suárez, o Alboroto de Javier Aguado, o Pazo de Cea de María Campos, o ¡Ay Carmela! de Juan Martínez-Pazo (LM Bouzas), ou o Due de Rafael Blanco (RCN Portosín), entre outros.

E na clase Fígaro competirán 6 monotipos propiedade do Monte Real Club de Yates con tripulacións formadas por alumnos da Escola de Vela do Club entre as que haberá algúns equipos femininos. O Monte Real segue un ano máis coa súa aposta pola vela feminina e nesta competición entregará un premio especial ao mellor barco tripulado por mulleres.

Tras a competición na auga, o Trofeo Comunica finalizará en terra coa entrega de trofeos aos gañadores das diferentes categorías. Será nun acto previsto para as sete da tarde no que estará o director xeral de Comunica Comunicación Visual, Roberto Lira; acompañado polo presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; e autoridades da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona.