Nigrán ofrece un curso gratuíto de inglés ao sector hostaleiro

O Concello de Nigrán aposta por posicionarse como destino de calidade internacional mellorando a atención ao peregrino e ao turismo estranxeiro nun dos sectores que máis trascende en redes sociais: a hostalería. Por este motivo, en colaboración con Ovalmi, ofrece desde o martes 26 de abril e ata o 13 de maio un curso gratuíto de inglés de 53 horas para que aquelas persoas que traballan en establecementos de restauración adquiran unhas competencias mínimas que lles permitan atender satisfactoriamente a este tipo de clientes e, adicionalmente, aumenten a visibilidade do negocio en redes elaborando un vídeo e dous post, ademais de traducir a carta. O curso desenvolverase nun bloque presencial de 9 sesións de 27 horas entre o 26 de abril e o 13 de maio no Pazo de Pías e de 26 horas non presenciais. Os interesados deben inscribirse a través do ‪697891872‬ (independentemente de que estean asociados a Ovalmi).

Este curso está dirixido a través da academia de inglés de Nigrán Active Projects xa que, precisamente, eles mesmos levaron adiante un estudo específico no que analizando 28 locais de A Ramallosa, Nigrán centro, Panxón e Patos observan que ningún deles ofrece a día de hoxe unha soa mensaxe dirixida ao cliente estranxeiro. En contraposición, o Camiño Portugués pola Costa que atravesa Nigrán é o que máis está crecendo de todos (de ‪168.558‬ peregrinos no 2017 a ‪201.228‬ no 2019) sendo un 60% deles estranxeiros e a maioría deles angloparlantes.

“Unha vez pasadas as restricións sanitarias o Camiño segue a crecer e temos que aproveitalo para posicionar o municipio como destino de calidade e aumentar a visibilidade deste sector internacionalmente”, explica o alcalde, Juan González.

Así, o obxectivo final é axudar a posicionar a Nigrán como destino de calidade, aumentar a visibilidade do negocio para os clientes foráneos con mensaxes atraíntes e fidelizalos, mellorar a experiencia do peregrino no contacto directo e, obviamente, perfeccionar a competencia lingüística dos profesionais. Para acadalo, no módulo presencial de 27 horas aprenderán a acoller ao cliente (benvida e entrada no establecemento), breve explicación da carta e petición das bebidas, momento de entrega e explicación máis específica da carta, atención durante a comida por se precisan algo ou amosando interese e, finalmente, despedida. Ademais, traballarase nunha sesión específica en situacións especiais que poden darse mentres están no local. Nas outras 26 horas non presenciais concretarase con cada participante a elaboración de dous post para redes sociais e un vídeo promocional de calidade profesional.

“En definitiva, queremos que o visitante estranxeiro teña unha experiencia máis que satisfactoria na súa estancia en Nigrán e que, grazas a iso, se traslade esa imaxe e boa opinión tamén ás redes sociais”, resume o alcalde.