Paula Bouzós acusa a Paco Ferreira de mentir sobre o saneamento de Zapa-Loureiro, en Chaín

O pasado 15 de abril o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, afirmou aos medios de comunicación que en breve ían comezar as obras do saneamento de Zapa-Loureiro, adxudicadas á empresa Covsa por un importe de 140.000 euros e que non comezaran antes debido ao retraso nos permisos de Augas de Galicia. Ao mesmo tempo indicou que se fixeran varios estudios para non realizar un bombeo previsto na fase 2 do proxecto inicial o cal, segundo indica o propio rexedor, non pode evitarse.

Para a voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, o alcalde minte unha vez máis aos veciños e nada do que afirma é certo. “Por un lado a obra que se vai realizar foi adxudicada por un importe de 120.000 euros á empresa Covsa. Quedan 20.000 euros de remanentes que podería investir na mesma obra”.

“Tampouco é certo que se pediran varios estudios para evitar o bombeo, pediuse un só estudo despois de que en abril do 2021 fora aprobada unha moción do Partido Popular na que se propuña outro trazado para evitar ese bombeo. Segundo ese estudio feito polo enxeñeiro que redactou o proxecto, as obras son perfectamente viables e supoñían 80.000 euros a maiores, e o Concello nin tan sequera pediu informe a Augas de Galicia desta alternativa”, afirma Paula Bouzós, que sinala que unha parte xa se podía pagar cos remanentes desta adxudicación e o resto cos que van a quedar das seguintes adxudicacións, “que a este ritmo tarde van chegar, e así evitaríase o bombeo que tantos problemas dan, como podemos ver nos diferentes que hai en todo o concello, como o existente no barrio próximo da Torre”.

“Todos sabemos os futuros problemas que traen os bombeos cando se avarían as bombas, cando se atascan, cando hai un exceso de augas residuais que a bomba non dá para achicar. Os veciños que viven preto dun bombeo, como ocorre co bombeo que hai no barrio da Torre, non moi lonxe de onde está previsto construír este, están máis que fartos dos cheiros que teñen que soportar cada vez con máis frecuencia”, explica a voceira do Partido Popular de Gondomar.

O que considera Paula Bouzós máis grave, é que Paco Ferreira culpe a Augas de Galicia do retraso na tramitación, “cando o Concello ten o permiso deste organismo desde o 1 de xuño de 2020, e a subvención da Deputación desde o 9 de xullo do ano 2020. O alcalde trata de buscar escusas para non cumprir o seu compromiso cos veciños, xa que prometeu nas anteriores eleccións que tiña cartos dabondo para facer todo o saneamento de Zapa-Loureiro, e a realidade é que vai facer a metade da primeira fase das catro fases que compuñan este proxecto, é dicir o 12.5% do saneamento destes barrios de Chaín”, afirma Paula Bouzós, quen engade que “axiña sacará a licitación a outra metade da primeira fase, e nas eleccións prometerá facer as outras tres fases, xa que o forte deste alcalde é prometer moito para despois non cumprir nada”.