Nigrán abre o prazo para presentar ofertas aos quioscos de praia

O Concello de Nigrán abre desde hoxe e ata o 11 de maio o prazo para a presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, sendo a tempada desde a resolución en maio ao 30 de setembro, igual que o ano pasado. Os prezos tamén se manteñen, oscilando desde os 2.500 € de Area Fofa ou Madorra aos 24.000 € de Praia América. A convocatoria foi publicada onte no BOP, abrindo así o prazo desde hoxe. En total, o Concello oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América. A novidade é que o espazo de ocupación se amplía lixeiramente a superficie que poden ocupar ata os 70 metros cadrados.

Os interesados poden presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello, estando as bases publicadas na sede electrónica da web municipal ou impresas na Oficina de Información Cidadá. “Hai que ser optimistas e ter en conta que este verán volveremos a estar máis preto que nunca da normalidade. Temos que ter en conta que este é un servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os cidadáns agradecen”, indica o alcalde Juan González.