O Parador de Baiona albergará o I Encontro de Equipos de Igualdade da provincia

O equipo de Igualdade do IES Primeiro de Marzo, formado por alumnado de todas as etapas educativas do centro, organiza o que pretende ser o “I Encontro de Equipos de Igualdade” da provincia de Pontevedra que se celebrará na mañá do venres 22 de abril no Parador de Turismo de Baiona.

O encontro contará coa presenza do propio Equipo de Igualdade do IES Primeiro de Marzo, do Club Diversidade do IES Valadares, o Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda, a Brigada Violeta do IES Chapela e a participación especial da Asamblea Coeducativa do IES La Cañuela (Yuncos, Toledo).

O obxectivo deste espazo, onde o alumnado comprometido coa igualdade é o verdadeiro protagonista, é compartir as boas prácticas en materia de igualdade que realizan diferentes institutos públicos, contribuír na prevención da violencia de xénero nas aulas e crear espazos educativos seguros para o alumnado, profesoras e persoal non docente. As reflexións, a realización de actividades colectivas e o debate conducirán unha mañá de traballo que pretende ser un punto de partida para tecer rede entre institutos na construción da igualdade.

Ao acto, que conta coa colaboración do Parador de Turismo de Baiona, asistirán a concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira, así como a Deputada de Cultura e Igualdade da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso, que participarán acompañando ao alumnado e amosando así o seu apoio ás actividades coeducadoras realizadas dende a escola pública.