Os safaris para contemplar os cabalos salvaxes do monte da Groba triunfan en Baiona

A iniciativa posta en marcha entre Baiona e Finca Moreiras co fin de poñer en valor aos seus cabalos salvaxes como unha especie única que soubo adaptarse ás condicións máis extremas durante miles de anos resultou todo un éxito. O primeiro roteiro do “Safari Etolóxico de Garranos da Groba” celebrada o pasado venres Santo rompeu todas as expectativas con máis de 100 solicitudes recibidas das vinte prazas dispoñibles.

Por sorte os que quedaron fóra poderán volver probar sorte nas sucesivas saídas previstas para os días 8 de maio, 5 e 18 de xuño. A iniciativa conta cuns guías de excepción. Adrián Martíns, xerente de Finca Moreiras e ideólogo dos percorridos de observación, e a investigadora da Universidade da Coruña Laura Lago, considerada como unha das maiores expertas do mundo sobre esta especie, explicaron aos asistentes toda a información relativa ao ecosistema no que viven, a súa morfoloxía, hábitos e comportamentos así como os beneficios que ofrecen á natureza, que non son poucos.

Unha xornada interesantísima para os apaixonados da natureza e que na súa primeira edición contou cunha climatoloxía excepcionalmente boa. Sobre o terreo ofreceron datos moi reveladores como que a poboación destes cabalos tan peculiares sobre a Groba ascenden a 1.100 exemplares en liberdade dos 15.000 existentes en todas as cordilleiras da comunidade, que a súa altura á cruz non excede o metro vinte ou que no fuciño contan cuns grandes bigotes que lles permiten alimentarse de masas vexetais indixestibles para o resto dos seus compañeiros de especie.

Grazas a isto os montes onde habitan mantéñense libres de toxos, a súa principal fonte nutritiva, algo moi positivo para a biodiversidade e á prevención de incendios. Os da Groba están considerados os máis pequenos de Galicia e quizais sexan os máis primitivos, por iso a mellor maneira de previr a súa extinción é dalos a coñecer a través deste tipo de iniciativas que dada a súa gran aceptación inicial, en Baiona viñeron para quedar.