Nigrán habilita as praias do Carreiro e do Canto como espazos permitidos para cans durante todo o ano

A publicación no Boletín Oficial da Provincia habilita de xeito definitivo as praias do Carreiro e do Canto como espazos permitidos para cans durante todo o ano.

“A ordenanza aprobada no ano 2016 precisaba ser actualizada para cumprir con esta vella demanda dos propietarios de cans, que viñan reclamando desde hai tempo contar cunha praia dispoñible para as súas mascotas tamén durante a tempada estival, somos sensibles á demanda e por iso tomamos esta decisión”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca a conveniencia destes dous areais “por estaren pouco urbanizados, sen afluencia masiva de persoas, en situacións xeográficas opostas, con rochedos que estimulan o xogo e por contar cunhas dimensións reducidas que facilitan o control dos cans por parte dos seus donos”.

Aparellada a esta necesidade de modificar a ordenanza neste aspecto, o goberno local tamén considera preciso reforzar a obrigatoriedade de recoller os excrementos dos animais en todas as praias do municipio por ser, precisamente, lugares de convivencia de familias a onde se levan moitos animais. Así, propón como cambio que a sanción pase de ser contemplada leve a grave, o que na práctica supón unha multa que oscilaría entre os 101 € e 300 € fronte ao máximo de 100 € actuais. “Ter unha mascota implica uns dereitos pero tamén unhas obrigas moi claras, resulta absolutamente incívico non recoller os excrementos, máximo en areais que son visitados por moita poboación, neste sentido temos claro que non se pode transixir e que hai que equiparar a multa á gravidade do comportamento que representa”, sinala o alcalde.

Igualmente, a ordenanza será modificada para que inclúa expresamente redactado o permiso de circulación e estadía de cans-guía de invidentes e de persoas con discapacidade, que non terán ningún tipo de limitación para acompañar ao seu dono. “Era algo que non estaba recollido e que desde a nosa política ‘Un Nigrán para todos’ o considerábamos fundamental, tiña que actualizarse neste sentido porque foi un aspecto que non se contemplou no seu momento. Na práctica as persoas cegas ou con deficiencia visual usuarias de can-guía teñen recoñecido legalmente, en toda España, o dereito de acceder, acompañadas do mesmo, a todos os lugares, espazos, establecementos e transportes públicos ou de uso público, no caso de Nigrán incorporamos a ademais persoas con calquera tipo de discapacidade”, subliña.

“Cremos que estas actualizacións da lexislación municipal con respecto aos animais fan de Nigrán un municipio máis amigable, cívico e comprometido coa súa contorna”, finaliza o rexedor.