Sin categoría

Dous anos dando as costas á pandemia

Mentres todo un país paralizábase, el ultimaba os flocos para comezar unha nova aventura empresarial. Dúas semanas despois do decreto de Estado de Alarma do 14 de marzo de 2020, Martín Otero Clemente abría as portas do seu novo negocio, indo ao contraxeito dunha sociedade que tivo que botar o freo de maneira obrigada ante o avance de contaxios por coronavirus.

Comezou como quiosqueiro en xullo de 2019, pero o cubículo desde o que dispensaba a prensa en Victoria Cadaval pronto se lle quedou pequeno e decidiu trasladarse a un local ampliando a súa oferta con venda de gominolas e xoguetes. O venres 1 de abril cumpríronse dous anos exactos da súa apertura e a lectura obtida durante todo este tempo de pandemia vai en contra da xeneralidade. Co seu quiosco xa consolidado na principal rúa de Sabarís, asegura que o inicio foi máis forte do esperado e que o seu primeiro verán saldouse cunhas vendas moi por encima das obtidas no de 2021.

“O inicio foi bastante bo, ao estar considerado como negocio de primeira necesidade comecei con normalidade, vendíase moita prensa, revistas e pasatempos”, lembra. Pode afirmarse que foi un dos poucos negocios que inchou peito durante todo o pico da crise sanitaria, con todo agora a inestabilidade imperante comeza a pasarlle factura, mentres segue diversificando a súa oferta a fin de dar coa tecla. Polo momento o seu negocio mantense mentres espera poder cumprir moitos máis aniversarios, aínda que agora ten a mirada fixa nos meses fortes da tempada estival. “A ver como se presenta”, remata.