Baiona retoma as visitas guiadas gratuítas de Semana Santa

O Concello de Baiona aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas coas que reactivar o sector turístico tras o Covid-19.

Deste xeito, a Concellería de Turismo volve retomar a oferta de visitas guiadas durante a Semana Santa que tan boa acollida ten na Vila. Veciños e visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial durante o Xoves Santo 14 de abril, sábado 16 e domingo 17 ás 11:30 horas. O punto de encontro para a saída será o exterior da Oficina de Turismo de Baiona (entrada ao Parador).

As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal, ou por teléfono no 986 68 70 67.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade, entre os que se atopan o monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Casco Histórico finalizando no paseo marítimo.

As visitas se levarán a cabo seguindo as medidas de prevención necesarias e cumprindo coa normativa vixente. Serán guiadas por unha Guía Oficial habilitada pola Xunta de Galicia, como vén sendo habitual, e formada en materia de prevención de riscos laborais ante a Covid-19.