Luis Pose presenta en Nigrán a súa Tese “Cristóbal Colón: primer evangelizador de América”

Luis Pose Regueiro presenta este mércores 13 de abril ás 20:00 horas na Nova Biblioteca de Nigrán “Cristóbal Colón: primer evangelizador de América”, a súa Tese de Licenciatura en Historia da Igrexa pola Universidade Gregoriana de Roma.

O sacerdote da diocese de Vigo, Luis Pose Regueiro (Nigrán, 1979), achegouse a Cristóbal Colón por casualidade. Casualidade que acabou sendo un libro: “Cristóbal Colón: primer evangelizador de América”, editado por Universo das Letras. Nel, aborda a figura do mariño cunha perspectiva novidosa, nas súas palabras, “que merece ao menos ser tida en conta e contrastada”.

Non pretende facer unha apoloxía de Colón, “e menos unha promoción da súa beatificación; pero certamente creo que non todo foron sombras naqueles acontecementos”.

Este libro vén sendo a publicación da súa Tese de Licenciatura en Historia da Igrexa pola Universidade Gregoriana de Roma, defendida en xuño de 2020. Entre unha inmensa montaña de libros sobre este personaxe tan estudado, este achega unha perspectiva novidosa e ben fundamentada cun amplo e rigoroso estudo das fontes: a importancia da súa dimensión relixiosa e evanxelizadora.

Ningunha perspectiva abarca toda a realidade, pero esta perspectiva relixiosa foi en xeral moi pouco tida en conta, e vese que en realidade era fundamental, polo que cambia a visión que se soe ter de Cristóbal Colón, e ademais abre novos interrogantes, que incluso poden apuntar pistas sobre as súas orixes.