O Círculo de Podemos en Nigrán, tras a comprobación de que os catro postes de WI-FI gratuítos non funcionan, solicitan ao goberno local que tome cartas no asunto, ademais de lembrarlle que no 2018 prometera ampliar o número destas localizacións para reducir a fenda dixital, inclusive ao carón da nova biblioteca, onde aínda non hai ningún instalado.
Non obstante, destacan que para reducir esta fenda, deben artellarse mecanismos sinxelos para favorecer a conexión por parte daquelas persoas non nativas dixitais ou que, aínda tendo coñecementos básicos teñan acceso a unha interface sinxela e intuitiva ou polo menos un poste informativo.
“Na instalación desta rede WI-FI o Concello investiu hai 4 anos 14.582,34 €, unha cantidade depositada para un fin necesario, que anos despois quedou en nada. As accións deben pensarse e manterse a longo prazo, non aproveitar o impacto que causan e deixalas sen efecto”, engade Antía Fernández.
A formación morada sostén que actualmente coa crise da covid-19 o teletraballo aumentou e xunto con que a nova biblioteca non se atopa operativa, moita mocidade non conta con espazos tranquilos onde acceder a internet, estudar ou realizar traballos, así mesmo, outras tantas persoas non teñen onde tramitar diferentes xestións a menos que consuman algo nalgún local con WI-FI.

