Gondomar inviste máis de 3 millóns de euros na mellora de viarios e saneamento

Gondomar pon en marcha a través da Deputación de Pontevedra e de recursos propios de remanente de tesourería obras por máis de 3 millóns de euros, principalmente en investimentos en saneamento e mellora de estradas e camiños municipais que garantan a seguridade viaria de vehículos e persoas, ao mesmo tempo, e a reparación, mellora e novos tramos da rede de saneamento municipal, cun investimento de máis dun millón de euros nos próximos meses, que engadido a máis de outro millón xa investido, convértese así no maior investimento de obras nas parroquias na historia de Gondomar cun investimento a finais deste mandato moi por enriba de dez millóns de euros no conxunto do municipio.

A modo de exemplo falamos do saneamento do barrio de A Pedra en Morgadáns, cun investimento de preto de 600.000 €, saneamento dos barrios de Zapa e Lourido en Chaín con 140.00 €, saneamento do barrio de Rochela en Vilaza con 120.000€, a reparación da rede de saneamento de A Fraga, A Pasaxe e Tumbio en Vincios, etc., e saneamento xa rematado como o das rúas Párroco Mariño, Emigrante, Eduardo Iglesias, Manuel Alonso, CDL, ou nos barrios de Lousado en Borreiros, Fontela e Carrasquedo de Abaixo en Vilaza, Rapadouro, Piñeiro, Fonte, O Bravo, etc., a automatización de todos os bombeos existentes, etc.

“Nunca se investiu tanto en Gondomar, aínda que lonxe de darnos por satisfeitos, non cesaremos ata deixar todos os viarios arranxados e o saneamento integral acabado en todo o termo municipal. É por iso, que pido á veciñanza confianza e paciencia porque Gondomar son 75 quilómetros cadrados e cando este Goberno chegou, Gondomar estaba totalmente abandonado e carente dos servizos básicos en infraestruturas, etc. Obviamente, isto non quere dicir que deixemos de lado outras infraestruturas (igualmente importantes), como as instalacións deportivas xa melloradas (campo de fútbol As Cercas, pista skatepark, a renovación dos dous pavillóns, pista polideportiva de A Feira, etc…), así como outras previstas: vestiarios en Borreiros, pista de futbito en Vincios, ascensor no centro cultural de Chaín, un parque infantil en Mañufe e Morgadáns (en estudo outro en Vincios), una nova pista de skatepark, etc”, sinala o alcalde, Paco Ferreira.

“Este Concello vai a un ritmo imparable, e se os primeiros anos de Goberno custou, foron duros e difíciles, o seguinte mandato será quen poñerá definitivamente a Gondomar como un Concello punteiro do país, en infraestruturas, instalacións deportivas e lúdicas (recen adquisición da emblemática Casa Peralba), en humanizacións (dentro do modelo Ágora seguido en todo Europa, como cidades pensadas para os nenos, para a xente de acordo os ODS da axenda 2030), e proba diso son os recoñecementos da vasoira de prata como un pobo dos máis limpos do país, ou o recoñecemento de contar con mellores xardíns, flores e zonas verdes de “Vilas en Flor”, ou tamén poder constatar que dende o ano 2015, Gondomar non para de medrar e subir en poboación, cun incremento de máis de 500 persoas por ano. Por algo será”, conclúe Ferreira.