
Esta fin de semana celebrouse en Patos a 3ª proba do Circuíto Nacional Surfing Kids Júnior da Federación Española de Surf na que competiron as categorías Sub 14 masculino e feminino, Sub 12 masculino e feminino e Sub 10 mixto. A xornada transcorreu con ondada de entre 1/2 m e 3/4 cun sol radiante e calor. O mar brillou non só pola azul da auga cristalina de Patos senón tamén polo bo nivel de todos os participantes. Os surfeiros chegaron de toda a xeografía española: Cantabria, Asturias, Murcia, Andalucía, Gran Canaria, Forteventura, Galicia, etc e deixaron constancia da boa saúde do surf infantil.
Os integrantes do Prado Surf Club conseguiron moi bos resultados, en especial cabe destacar a vitoria de Daniela Alonso que se fixo co primeiro posto na categoría Sub 14 feminino, título que xa conseguiu na anterior proba celebrada en Murcia e que a sitúa así á cabeza da clasificación nacional. Ademais, Danae González e Pedro De Brito conseguían quedar segundos nas categorías Sub 12 feminino e Sub 10 mixto respectivamente, e Teo García fíxose co 3º posto en Sub 12 Masculino.
Cabe destacar o alto nivel de todos os participantes e o gran apoio recibido desde a praia por parte de familiares e amigos, unha fin de semana de sol e calor que fixeron da proba unha gran festa do surf.
O evento estivo organizado pola Federación Española de Surf, a Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba contou co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana e Clínica Dental Fontán & De Brito, e coa colaboración especial de Waira Surf, We are Walcott, Xunta de Galicia e Deporte Galego.