Podemos urxe a execución da segunda fase do Paseo da Foz

O Círculo Podemos Baiona insta ao Goberno Local a explicar as xestións que está levando a cabo para licitar a segunda fase da obra do Paseo da Foz de Sabarís e úrxeo a que actúe á maior brevidade.

Ante os problemas de accesibilidade, perigosidade e a “mala imaxe” que ofrece ese tramo do paseo malia as actuacións máis relevantes xa levadas a cabo na zona colapsada, “a día de hoxe, descoñecemos o estado do encargo para rematar a obra”, explica José Ramón Estévez, portavoz da formación.

Segundo comunicara o Alcalde por escritos á prensa, aínda están pendentes as obras de execución do proxecto que abarcaría o espazo restante ata preto da ponte da Ramallosa. Ante o evidente abandono do estado das obras, a formación local levou en febreiro a consulta ao congreso da man do seu deputado Antón Gómez-Reino para aclarar a situación.

Hai uns días recibiron a resposta por escrito. “Por agora non existe ningún encargo a Tragsa relacionado coa reconstrución do paseo”, comenta Estévez.

Ante a preocupación polo abandono do proxecto de recuperación do paseo para a segunda fase, a formación, explica o seu portavoz, vén de presentar no rexistro unha petición onde instan ao Concello de Baiona a aclarar á veciñanza, que xestións están a levarse a cabo para licitar e rematar a obra canto antes.