Sin categoría

Manifesto Miñor preguntará no pleno polo estado dos vehículos doados á caravana solidaria

Manifesto Miñor preguntará no Pleno de Gondomar sobre o estado dos tres vehículos doados polo Concello á caravana da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. “A simple vista doar dous camións e unha furgoneta pode parecer unha acción certamente xenerosa, agora ben, dende Manifesto Miñor preguntamos: Eses vehículos pasaron a ITV?, Foron revisados antes e están en perfecto estado de funcionamento? E se se avariasen unha vez no seu destino, contemplouse a posibilidade de reparación e nese caso vai o Concello colaborar na mesma?” Para Antonio Araújo responder a estas preguntas é fundamental para saber o alcance da solidariedade pregoada, “pois estamos a falar de vehículos que algún deles anda preto dos 40 anos e pasan dos 400.000 quilómetros”. Para o voceiro de Manifesto Miñor sería unha estafa e unha burla escasamente solidaria enviarlle aos saharauís uns vehículos que á primeira avaría quedarían reducidos a unha morea de chatarra no medio do deserto.

“O Concello de Gondomar, e principalmente a súa veciñanza, de sempre fomos solidarios co Pobo Saharauí. O Concello dende a Institución achegando recursos económicos e mesmo apoio político á causa deste pobo, e dende a veciñanza abríndolle a porta das súas casas a centos de nenos e nenas saharauís para que poidan pasar as súas “vacacións en paz” en Gondomar. Até aquí os nosos parabéns e apoio total. Agora ben, a solidariedade debe ter o límite na ética do que se ofrece e se cadra tamén en como se dá. O que non serve pra nós dificilmente pode servir para os demais, por moito despregue mediático ou propaganda que se faga dunha doazón. Disto sabe moito D. Paco Ferreira, e puidemos comprobalo coa abundancia de titulares de prensa, fotos, vídeos, etc, etc. a respecto da doazón feita ao Pobo Saharauí”, conclúe Araújo.