O goberno local de Baiona rexeitou no pleno de onte poder incluír na orde do día a moción presentada polo PP para realizarlle unha homenaxe permanente a Pepe Costas pola súa divulgación da cultura, historia, tradición e paisaxística da súa querida Baiona ao longo de toda a súa vida. Os populares lembran que fixeron a proposta ante a demanda dos cidadáns e a inacción do goberno para darlle resposta.
O PP expuxo a proposta de colocar unha placa no Paseo de Alfonso IX porque considera que esta é a forma máis rápida, que permitiría levala a cabo no medio ano desde o seu falecemento o próximo mes de maio, e que máis se axusta ao sentir popular de lembrar a Pepe onde máis lle gustaba estar, contemplando a súa amada Baiona desde este paseo e onde os veciños máis identificarían á súa persoa.
“Esta homenaxe permanente non ten que pasar pola Comisión de Honras e Distincións, como demanda o tripartito, porque esta consideración non está recollida no regulamento da ordenanza número 11 onde está incluída esa Comisión. Con todo, PSdeG, BNG e Nós non aceptaron a inclusión da moción na orde do día do pleno alegando que debía de ser este órgano o que tratase o asunto, polo que se comprometeron a convocalo proximamente. Sendo conscientes de que este recoñecemento permanente na rúa non está incluído no regulamento de distincións honoríficas, por iso é polo que decidísemos presentar esta moción como a vía máis apropiada para a súa aprobación”, explican desde o PP baionés.
Os populares manteñen a necesidade de continuar traballando para que esta homenaxe permanente sexa unha realidade canto antes e agardan que a proposta, aínda que fose rexeitada polos grupos do goberno local, non quede gardada nun caixón por moito tempo.

