O Circuíto Nacional Surfing Kids chega á Praia de Patos

Esta fin de semana celébrase na Praia de Patos a 3ª proba do Circuíto Nacional Surfing Kids Júnior da Federación Española de Surf. A proba reunirá no areal de Patos a novos surfeiros chegados de toda España, o escenario perfecto para que as novas promesas poidan lucirse.

O vindeiro sábado 9 e domingo 10 en Praia de Patos (Nigrán) celebrarase a 3ª proba do Circuíto Nacional Surfing Kids Júnior da Federación Española de Surf na que competirán só as categorías Sub 14 masculino e feminino, Sub 12 masculino e feminino e Sub 10 mixto. A canteira do surf español competirá no famoso areal de Patos, un anuncio que conta con múltiples picos que collen mellor forma e que ofrecen seccións de onda maniobrables a partir da media marea sendo as mellores condicións os swells con dirección noroeste e ventos suaves do sur.

O domingo a proba coincide coa carreira Minibay organizada por Vig-Bay polo que o tráfico permanecerá pechado de Vigo a Baiona polo que se aconsella estar preto da praia ese día e evitar desprazamentos. Habilitarase un paso desde Nigrán ata a praia de Patos pero este será pola estrada xeral paralela á estrada da costa, é dicir a estrada da vía que vai xustamente por encima.

O evento está organizado pola Federación Española de Surf, a Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana e Clínica Dental Fontán & De Brito, e coa colaboración especial de Waira Surf, We are Walcott, Xunta de Galicia e Deporte Galego.