
O Club Baloncesto Nigrán presentou este mércores na sede de AFAGA a VI edición do seu Torneo Basket sen Barreiras, que se celebrará os días 11 e 12 de abril no Pavillón Municipal de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para colaborar con AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia. Ao acto asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, o Presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e a directora deportiva do CB Nigrán, Nuria Gómez.
O torneo desenvolverase ambos os dous días en horario de mañá e tarde e para iso habilitaranse 3 pistas no pavillón nas que xogarán os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías infantil, cadete e júnior en horario de mañá e as categorías alevín, benxamín e baby que os farán polas tardes. Todos os encontros contarán con árbitros do Comité da Federación Galega de Baloncesto que, como xa vén sendo habitual desde edicións anteriores, colaboran de forma desinteresada no Torneo.
Cada xogador/a participante realizará un donativo a modo de inscrición que será depositado na urna que se atopará no Pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes poden colaborar con este fin solidario achegando o seu donativo tamén na devandita urna. Durante os dous días de competición realizaranse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes. Todo o recadado coa venda das rifas para participar nestes sorteos así como o recadado na urna solidaria será entregado unha vez finalizado o Torneo a AFAGA.