Volve a Vig-Bay con máis de 6.000 atletas inscritos

A sede de Abanca en Vigo acolleu este martes a presentación da XXI Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay (21.097,50 metros) que ademais, neste ano, inclúe a 2ª edición da maratón (42.195 metros) e a 1ª da mini bay “da media, a metade” (10.548,75 metros), que se celebrarán o domingo 10 de abril. No acto estiveron Walter Álvarez, director territorial de Abanca; Eduardo Vieira, presidente do Club de Corredores Vig-Bay; José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias; Abel Caballero e Juan González, alcaldes de Vigo e Nigrán; e Miriam Mar Costas, edil de deportes de Baiona, entre outras autoridades e persoal de seguridade e staff da Vig-Bay.

O secretario xeral para o Deporte definiu o percorrido urbano entre os concellos de Vigo, Nigrán e Baiona como “unha beleza da natureza e un escenario inigualable” que contribúen a que a Vig-Bay sexa “unha das mellores maratóns do mundo”. Neste sentido, Lete Lasa destacou que a Xunta de Galicia amosa ano tras ano o seu compromiso cos grandes eventos do deporte galego e, neste caso, “vén de incrementar o patrocinio da Vig-Bay nun 66% ata os 5.000 euros tras dous anos de obrigado parón pola pandemia”.

O secretario xeral subliñou o “excelente comportamento” do deporte galego que mantivo a súa actividade durante a crise sanitaria “cumprindo escrupulosamente os protocolos FISICOVID e usando tests e máscaras que permitiron que Galicia fora unha das comunidades con mellores datos epidemiolóxicos”. Hoxe o deporte galego recupera a normalidade con carreiras como a Vig-Bay e precisamente o atletismo galego, vive un dos seus momentos dourados coa “primeira medalla olímpica, os cen anos da federación ou o segundo campionato absoluto celebrado en Expourense, que respalda a política da Xunta da compatibilidade de usos nos recintos feirais”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias destacou que “dende o nacemento da Vig-Bay no ano 2000, a carreira converteuse nun símbolo da unión de tres concellos veciños e no mellor exemplo de que o entendemento e a colaboración son as mellores fórmulas para avanzar”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou de “indescritible” a sensación dos atletas que participan nesta tradicional carreira “cun paisaxe que fai que sexa a mellor maratón do planeta”.

O 27 de febreiro do ano 2000 daba a saída a primeira edición da Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay con 613 corredores. Nesta vixésimo primeira edición, a Vig-Bay conta con dez veces máis participantes, acadando preto de 6.000 atletas, entre eles destaca a presenza de case un milleiro de atletas doutras nacionalidades. Este ano o dorsal solidario beneficiará á Fundación Casa de la Caridad de Vigo – Comedor de la Esperanza.