
O equipo AMF Motorsport chegaba a esta segunda cita do Campionato Galego de Rallyes coa ambición de poder loitar pola vitoria absoluta así como da Copa Top Ten Pirelli Driver A e o Supercampionato Galego R5.
Desde a especial urbana, Alberto Meira e Avelino Martínez lanzáronse ao ataque asinando o scratch para irse a durmir como líderes do Rali de Noia o venres. Ao día seguinte, con catro especiais a dobre pasada, o duelo polo triunfo foi moi apertado, establecéndose diferenzas mínimas ao longo da xornada e de feito ata o primeiro tramo da tarde apenas superaron os dous segundos. Serían claves as dúas pasadas polo mítico Montemuíño onde o piloto de Gondomar cedía algo máis de terreo e finalmente quedaba a 11 segundos do que sería o seu primeiro triunfo na cita noiesa.
Con todo, Meira atopábase moi satisfeito ao final do día polo ritmo mostrado: “Estamos moi contentos con esta segunda praza, nun rallye moi apertado con diferenzas moi pequenas en todos os tramos pero hai que felicitar a Víctor e a Jandrín por ese triunfo, así como a todo o noso equipo polo gran traballo que fixeron. Estamos nunha senda boa, cada vez temos máis ritmo, estamos máis adaptados ao coche e xa estamos a esperar á seguinte carreira para seguir pelexando”.
A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será o Rallye Mariña Lucense, en Viveiro, que se disputará a mediados do mes de maio.