
O escritor miñorán Fran Fernández Davila estará presentando e asinando a súa derradeira novela “O Bosque do Duque” este mércores 6 de abril ás 19.30 horas na nova Biblioteca Municipal do Concello de Nigrán, xunto co alcalde, Juan González, e a directora comercial de Galaxia, Tati Mancebo.
A novela cualificada polos críticos literarios como unha chiscadela a historias como Narnia, Momo e os Goonies, é un libro de amizade, identidade e fortalezas. Sen mencionalo, irmanda ao Val Miñor coa cidade neerlandesa de ‘s-Hertogenbosch.
Sabine é unha rapaza galega dos Países Baixos. Fala castelán e neerlandés e bota de menos Galicia, sobre todo ás súas avoas. No seu décimo aniversario recibe un agasallo misterioso que lle abre as portas dunha grande aventura. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, Sabine loitará non só por salvar a vida, senón tamén os vínculos que a unen á súa orixe, descubrindo un conxunto de poderes que non sabía que tiña dentro.
Fran Fernández Davila gañou o Premio de Novela de La Voz de Galicia con “A Senda de Sal”, unha novela curta ambientada no Panxón da Segunda Guerra Mundial. Despois diso sumou máis de vinte de premios tanto de poesía como en narrativa nas especialidades de novela, relato curto e microrrelato tanto en Galicia como noutras cidades de España e mesmo na Arxentina. No entorno local destácase o Premio Poesía Victoriano Taibo polo seu poemario “Mover os Marcos” en Gondomar.