Manifesto Miñor propón crear unha comunidade enerxética singular que aproveite a Presa de Pego Negro

Manifesto Miñor vén de presentar unha moción para debater no pleno de abril co obxecto de solicitar fondos “Next Generation” para a creación dunha comunidade enerxética singular que aproveite a Presa de Pego Negro da antiga “Fábrica da Luz”. A Presa de Pego Negro foi construída entre os anos 1907-1908 no Río Zamáns por D. Laureano Salgado coa finalidade de subministrar electricidade a Baiona, Gondomar, A Ramallosa e a outros lugares do Val de Miñor. Posteriormente en 1923, despois de rematadas as obras de ampliación da presa para aumentar a súa capacidade, pasa a formar parte da “Sociedad General Gallega de Electricidad” en 1929. A través desa concesionaria funcionará até 1957, cando é comprada por FENOSA.

“A día de hoxe sábese da finalización da concesión e faltaría por confirmar a titularidade da infraestrutura, é dicir, se é propiedade de UNIÓN-FENOSA ou reverteu a Augas de Galicia xunto coa caducidade da devandita concesión. “Pois ben, neste momento existe a posibilidade de aproveitar esa infraestrutura con mínimos custes medio ambientais e importantes beneficios sociais, ao abeiro dos Fondos “Next Generation” da UE a través da fórmula “proxecto singular de comunidades enerxéticas” e que xestiona a Xunta de Galicia”, apunta Antonio Araújo.

O “Informe Estratéxico para a Transformación de Galicia” vinculado aos fondos Next Generation publicado en marzo de 2021, destaca entre as prioridades do mesmo a transición ecolóxica, reservando para tal fin máis do 37% dun total, aproximadamente 440,86 millóns de euros. “Somos conscientes que se trata dun proxecto cunha certa complexidade, sobre todo burocrática e de tramitación, mais tamén que o elemento ou infraestrutura principal, é dicir, a presa, leva máis de cen anos construída e cremos que nun estado aceptable para volver facer uso dela”, sinala Araújo.

“Cremos tamén que encaixa perfectamente dentro dos supostos subvencionables recollidos nos devanditos Fondos (até un máximo dun millón de euros), e que os beneficios serían evidentes, tanto para as arcas municipais polo aforro significativo na factura eléctrica, como polo feito de ser unha iniciativa pioneira ou simbólica como sería a constitución dunha comunidade singular enerxética pública e liderada por un Concello”, conclúe o portavoz de Manifesto Miñor.

A petición concreta que se lle fai ao Pleno é iniciar coa máxima urxencia os trámites pertinentes (estudos, informes, proxectos, etc) ben por parte dos servizos técnicos municipais, a través dunha asesoría externa, UVIGO, ou dunha combinación de ambas, co obxecto de presentar canto antes perante os organismos pertinentes a recuperación da “Fábrica da Luz” de Pego Negro como unha comunidade singular enerxética ao abeiro dos devanditos Fondos Next Generation.