
A Agrupación de Nigrán de Podemos tivo coñecemento por diferentes persoas que colaboran co Roupeiro Municipal da entrega de diversos lotes de roupa doada á entidade “Humana Fundación Pobo para Pobo”. Esta fundación declárase como unha organización sen ánimo de lucro dedicada a protexer o medio ambiente e a economía circular, a súa función é a venda do téxtil doado nas súas propias tendas destinando o beneficio a fins sociais.
Pero a organización “Ecoloxistas en Acción” no ano 2013 denunciou que detrás desta fundación non existe unha entidade dedicada á integración social e á mellora ambiental. Ademais, din, que non pertence á Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento de España, nin tampouco a Aeress (Asociación Estatal de Recuperadores de Economía Social e Solidaria).
Dada esta tesitura, Podemos Nigrán insta ao Concello a que expoña publicamente se existe algún contrato con esta fundación, se o Concello de Nigrán recibe algún tipo de beneficio pola entrega da roupa que foi doada pola cidadanía ao Roupeiro Municipal e de ser así onde se destina este beneficio.