Estudantes da Escola de Enfermería de Povisa colaborarán cun proxecto pioneiro en Galicia de atención aos maiores

A concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo, Yolanda Aguiar, visitou a Escola Universitaria de Enfermería de Povisa para convidar os estudantes a participar nun proxecto pioneiro en Galicia de atención aos maiores.

A colaboración, que será remunerada e tutelada, céntrase precisamente en palpar a situación dos maiores que viven sós. A formación e a vocación dos futuros enfermeiros fai deles os candidatos ideais para solicitar información. A fórmula elixida será a enquisa -están previstas unhas 4.000 ao longo dunhas catro semanas-, pero nun formato “máis íntimo, como unha conversación”. E perfiláronse tres modalidades: enquisa telefónica a maiores de 65 anos; presencial, para maiores de 65 que sexan ademais usuarios de servizos sociais ou de teleasistencia, e unha terceira serie tamén presencial para maiores de 80 que viven sós.

Os estudantes que desexen participar afrontarán unha entrevista laboral, asinarán un contrato de traballo a media xornada e ofreceráselles formación previa e unha acreditación. “Vai ser algo moi profesional”, apuntou a concelleira, que indicou que se constituíu un equipo multidisciplinar. Esta análise en profundidade das condicións de vida dos maiores en Vigo “é un labor de campo da que todos podemos aprender”, subliñou. Tanto o director do centro, Alfonso García, como a subdirectora, María Giráldez, animáronlles a implicarse nun proxecto que é “unha oportunidade para investigar e abarcar outros campos da súa competencia”.

Unha vivencia colectiva que poñerá aos futuros enfermeiros en contacto con persoas vulnerables e profesionais do ámbito social e achegaralles ao mundo laboral.

Vigo, segundo os datos extraídos do padrón municipal, conta con 193 centenarios, case 20.000 maiores de 80 anos (o 65,8%, mulleres) e unhas 70.000 persoas de máis de 65. Con este escenario, o Concello expón crear o primeiro “mapa da soidade” da cidade, unha ferramenta para apoiar a quen o necesite, con prestacións económicas ou con asistencia no fogar. O obxectivo é facer un diagnóstico das necesidades sociais, económicas e sanitarias desta poboación e detectar situacións de vulnerabilidade.