Alberto Meira tentará loitar polo triunfo no Rali Berberecho de Noia

Tras comezar con bo pé a tempada subidos ao podio na Coruña, o equipo AMF Motorsport chega á segunda cita da tempada con ganas de seguir facendo un gran inicio de campaña, sendo conscientes que hai que lograr a rapidez para estar preto da cabeza pero tamén a consistencia para evitar erros e traer puntos para casa.

Aínda que ten varios podios no seu haber, o da vitoria no Rali de Noia é un dos prezados trofeos que aínda faltan na vitrina de Alberto Meira, e que xunto a Avelino Martínez tratará de lograr esta fin de semana aos mandos do Fabia R5 que tan ben se portou ata o de agora, con dúas vitorias e un terceiro posto.

Meira móstrase optimista antes desta segunda cita do campionato: “O Rali de Noia é un dos míticos do Campionato Galego así que é un orgullo que poida celebrarse de novo. Os tramos da mañá como Outes e Mazaricos xa se coñecen doutros anos e son especiais con algunhas zonas moi rápidas. Pola tarde, o tramo de Lousame é a gran novidade este ano e para terminar o bucle a especial de Montemuíño que tantas edicións leva disputando. En xeral, é un itinerario que pode marcar diferenzas, polo que trataremos de dar o noso máximo desde o inicio”.

A proba comezará cun aperitivo o venres en forma de tramo urbano en Noia e o sábado realizarase o habitual formato de catro tramos a dobre pasada.