A banda de pop feminino Cariño chegará a Vive Nigrán o sábado 16 de xullo da man de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros en torno ao directo. O Concerto Vibra Mahou de Vive Nigrán, que está incluído no abono do festival, contará co directo fresco e descarado desta banda feminina formada por María Talaverano, Paola Rivero e Alicia Ros. Con algo máis dunha decena de temas na súa discografía e confirmadas para Coachella 2022, esta banda converteuse en todo un sopro de aire fresco e preparan o seu segundo álbum para este mesmo ano.
Desde que se deron a coñecer hai máis de 10 anos entre os amantes do pop independente coas súas primeiras gravacións caseiras, Cariño xa marcaron o camiño dos seus seguintes traballos, todos impregnados de melodías pop, audacia nas letras e temas pegadizos, unha frescura que as identificou en todas as súas cancións. Temas como “Canción de pop de amor”, a súa peculiar versión de “Llorando en la Limo”, de C. Boureo, e cancións como “X si me dejas en visto” ou “No me convengo” soarán o sábado 16 de xullo en Nigrán.
Con esta nova confirmación, a organización do festival engade novos artistas á edición 2022, que se celebrará do 15 ao 16 de xullo no campo de fútbol de Monte Lourido, en Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán. Rigoberta Bandini, Iván Ferrreiro, La Bien Querida, Niña Polaca, Colectivo Da Silva e Karavana conforman un variado cartel, ao que se sumou tamén Miguel Ríos, nunha xornada extra do festival, o domingo 17 de xullo, bautizada como Vive Nigrán [+]. Os abonos para o festival (50€ + gastos) e as entradas para venres e sábado (25€ + gastos) están á venda en vivenigran.com e Ataquilla, así como as entradas para o concerto de Miguel Ríos (30€ + gastos).
O festival contou nas súas pasadas edicións co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia a través de “FEST Galicia”, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de GADIS e de Vibra Mahou.
BIO CARIÑO
Cariño, a banda formada por María Talaverano, Paola Rivero e Alicia Ros déronse a coñecer entre os buscadores das novas sensacións do pop independente fai dez anos coas súas gravacións caseiras. Desde entón, manéxanse áxiles entre as melodías pegadizas, as letras descaradas e unha frescura que xa chamou a atención desde os seus primeiros temas. Unhas sensacións que se dispararon no momento no que o trío publicou a súa singular versión de “Llorando en la Limo” de C. Boureo: fronte ao glamour do orixinal, Cariño expuñan unha versión o- fi que conectaba inmediatamente co espírito independente, alleo ao fasto que empezaba a facerse evidente no mundo do urbano.
En 2018 publicaron o miniLP Movidas (Elefant Records), que incluía a súa canción máis emblemática 🙁 que terminou de confirmar a facilidade do trío para transformar á linguaxe do pop a maneira de comunicarse dunha xeración. Cada novo tema foi dando pistas sobre a evolución da banda, cun son cada vez máis definido e rotundo: a temas como “Te brillan” ou “Excusas” fóronse sumando novas cancións e concertos en España e tamén Latinoamérica. Co seu último EP, “X si me dejas en visto” (Son Raparigo, 2020) volveron demostrar o seu bo facer cun pop fresco e desinhibido. Este 2022 teñen previsto presentar o seu novo álbum, e terán presenza en festivais tan míticos como Coachella.

