Sin categoría

León Benavente e Carolina Durante son as novas sorpresas do Barbeira Season Fest de Baiona

O Barbeira Season Fest fíxose maior. Esta edición, que se celebrará entre o 31 de agosto e o 4 de setembro en Baiona, medra en días, multiplica a súa inversión na programación musical, con polo de agora 24 grupos confirmados, e mellora a experiencia do público ofertando un amplo abano de actividades e propostas que se irán descubrindo nos vindeiros días.

Á espera da confirmación do concerto Vibra Mahou, que se desvelará nunhas semanas e que será outro cabeza de cartel, o Barbeira fai público o seu programa máis ambicioso dende que naceu o festival. 24 grupos que se subirán a distintos espazos e escenarios espallados pola vila: Zahara, León Benavente, Carolina Durante, La Habitación Roja, Maika Makovski, Bala, Capicúa, Anabel Lee, Emilia, Pardo y Bazán, Cora Yako, Morreo, Diamante Negro, Estrella Fugaz, Miniño, Tú peleas como una vaca, Mara Movidas, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Eme Dj, Dj Moderno e Señora DJ, son as propostas confirmadas.

O Barbeira Season Fest confírmase así como un dos grandes festivais galegos e un dos que propoñen ao público unha meirande programación. Catro días de festival en distintos espazos, actividades paralelas culturais e de lecer, a visibilidade do Camiño Xacobeo de costa, a interacción coa hostelería local, a aposta por artistas galegos emerxentes, converten a este festival nun dos máis singulares e potentes de Galicia.

O festival contará unha vez máis co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo.

Venda de abonos

O público que queira asistir ao Barbeira Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto. O Barbeira Season Fest conta, polo de agora, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Mahou como patrocinador privado principal.