Zona Franca e Aproema inician un ciclo para axudar á industria a mellorar a competitividade tratando os seus residuos

Zona Franca de Vigo e a Asociación de Empresas Ambientais Aproema inician o próximo 5 de abril un ciclo para axudar á industria a mellorar a competitividade tratando os seus residuos. Os expertos de Aproema percorrerán os parques do Consorcio para sensibilizar ás empresas sobre as boas prácticas en tratamento de residuos. Así, o 5 de abril inícianse as xornadas na sede do Consorcio en Arenal, o 12 de maio estarán no Polígono Industrial A Granxa, o 22 de setembro no PTL, e o 17 de novembro en Porto do Molle.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, explicou que “a sustentabilidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible xa non son unha opción, senón un dos activos das empresas que os aplican e moi valorados por investidores e accionistas á hora da toma de decisións, de aí a importancia de abordar aspectos tan concretos como as boas prácticas no tratamento de residuos industriais”.

A presidenta de Aproema, Arancha Mañas, sinalou que “desde a asociación buscamos dotar aos profesionais de pautas para o desempeño dunha xestión sostible da súa actividade, co obxectivo de minimizar os impactos ambientais asociados á súa produción, mediante boas prácticas. Vémolo como un elemento diferenciador e de competitividade e neste camiño atopámonos co apoio de Zona Franca”, engadiu.

As xornadas van abordar as boas prácticas na xestión de residuos industriais, que implican o coñecemento desas prácticas, planificación, xestión e saber rexistrar os movementos. Aproema proponse apoiar ás empresas para que logren os seus obxectivos sociais, ambientais e produtivos.