Sin categoría

Nigrán celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil cunha festa dedicada aos máis cativos

O venres 1 de abril, en homenaxe ao Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o Concello de Nigrán encherá o Auditorio Municipal con actividades para os máis cativos que rematará coa presentación do conto guía “Un paseo por Nigrán (Costa)” para nenas e nenos. Trátase do segundo traballo do Grupo Solaina, composto por tres mulleres (Sole García, Laine Villero e Natalia Guisande), que hai tan só cinco meses sacaban ao mercado o seu albume ilustrado DEDAS, un libro evolutivo e didáctico que abrangue idades de 2 a 6 anos.

Tras a gran aceptación de Dedas e presente en todos os centros educativos e bibliotecas do Val Miñor e Baixo Miño, presentan agora o que podería ser a segunda parte do libro: “Un paseo por Nigrán (Costa)”, un conto guía moi coidado de 48 páxinas, deseñado como un instrumento turístico para poñer en valía a costa de Nigrán, a súa paisaxe e o patrimonio arquitectónico e a contorna natural do corazón do Val Miñor.

O libro, escrito por Soledad García, ilustrado por Laine Villero e deseñado por Natalia Guisande, está realizado con moito coidado e conta tamén cunha parte educativa e didáctica na que se explica aos máis cativos a necesidade de coidar do noso, o mar, a natureza e poñer en valía as tradicións populares tan arraigadas en San Xoán.

Neste festival do libro, engalanado como a primeira festa do libro infantil e xuvenil de Nigrán, o Concello será o patrocinador de todo este enxame de cultura e onde Solaina organizará unha tarde de conto na que presentarán dous contacontos e actividades para todas as nenas e nenos en horario de 16:15 a 17:45 horas. Posteriormente, ás 18:00 horas, farase a presentación do libro “Un paseo por Nigrán (Costa)”.