Nigrán bonifica o 95% do IBI a seis entidades socioculturais do municipio

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O pleno de Nigrán aprobou por unanimidade a moción do goberno para considerar a seis entidades socioculturais de interese ou utilidade municipal co que o Concello bonificará nun 95% o IBI. Esta declaración permite que o imposto sexa rebaixado no vindeiro exercicio no máximo permitido por lei. A declaración beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C. A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e “AVCD O Castro” de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 por cento. “Supón un aforro para eles de preto de 1.300 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, subliña o alcalde, Juan González, quen recalca que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, “polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.

Tanto a lei de Mecenado coma o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais 2/2004 catalogan como exentos de IBI a aqueles inmobles que teñen como uso principal actividades de carácter público. Por elo, o goberno de Nigrán acordou no 2016 a modificación da ordenanza “para favorecer así a todas aquelas asociacións que perseguen o ben común e que axudan a complementar e dinamizar sempre a programación cultural feita dende o consistorio”. Estas circunstancias culturais danse nestes seis colectivos porque o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e o inmoble está a disposición do Concello.