Saen de Baiona 10 toneladas con axuda para Ucraína

Dous camións cheos da axuda humanitaria recollida no municipio de Baiona grazas ás doazóns dos baioneses e baionesas, e almacenado na sede da ONG Local “Ayuda al Mundo Necesitado”, partiron esta mañá cargados con 10.000 quilos de alimentos non perecedoiros, roupa, medicamentos e material de primeiros auxilios.

A concelleira de Servizos Sociais de Baiona, Conchy Vara, informa de que unha asociación de ucraínos con sede en Vigo, A Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA), encargarase das xestións para mobilizar a mercadoría ata a fronteira con Polonia. Unha nave industrial de Vigo almacena o material humanitario con destino ao pobo ucraíno.

Ese material foi reunido nas últimas semanas a través da campaña de recollida solidaria para Ucraína realizada polo Concello de Baiona en colaboración coa ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”, grazas ás numerosas doazóns de particulares, ás recollidas solidarias que se fixeron nos centros escolares como a realizada a través do ANPA Cova Terreña, en colaboración co CPI Cova Terreña, ou a do ANPA Escola O Areal en colaboración co centro, todo como resultado da mobilización civil da cidadanía baionesa tras o estalido da guerra.

O material foi almacenado, seleccionado e empaquetado polos voluntarios e voluntarias da ONG baionesa. Para o traslado dos quilos de mercadoría o Concello fretou un camión de 12 metros cúbicos dos servizos municipais que realizou dous transportes para que a axuda chegase ao seu destino a Vigo. Persoal Municipal e voluntarios e voluntarias da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor foron os encargados de cargar nos camións as caixas con quilos de solidariedade de Baiona.

O Alcalde quere agradecer o traballo desenvolvido por todas as persoas implicadas neste dispositivo. “O traballo en rede dá resultados e aquí temos a proba. Recolléronse, almacenado, clasificado, empaquetado, cargado e transportado todos os quilos de material que doaron os baioneses e baionesas e fíxose un gran traballo para que esta axuda chegue á zona de conflito”, destaca Carlos Gómez Prado.