Sin categoría

Domingo de moita emoción e surf na Praia de Patos

Onte domingo 20 celebrouse na Praia de Patos a segunda parte da proba da Liga Galega de Surf Júnior e Grom na que competiron as categorías Sub10, Sub12 e Sub14. Unha xornada emocionante na que se puido ver o gran nivel da canteira dos riders galegos.

O día amenceu con mar do oeste, vento do leste e marea baixa, con ondas de aproximadamente medio metro e moi ferrollo, o que dificultou a todos os competidores pasar as primeiras mangas. Coa subida da marea a partir das 14:00 horas o escenario cambiaba e convertíase nunha piscina de ondas ideal para a competición onde os riders de toda Galicia demostraron un gran nivel e onde os representantes de Prado Surf Club demostraron o seu bo coñecemento do spot, a súa forma física e habilidade clasificándose en todas as finais e logrando podio en todas as categorías.

Na recentemente estreada categoría Sub 10 Mixto o primeiro posto foi para Pedro De Brito, un primeiro posto merecido e emotivo, xa que era a primeira vez que o novo rider galego conseguía gañar, a súa saída da auga estivo acompañada de moitas bágoas de alegría por parte dos seus compañeiros, o seu coach Derick Rey e toda a súa familia. Ademais, Teo García Cajide facíase co 1º posto en Sub 12 Masculino e cun 2º posto en Sub 14 Masculino, ademais Daniela Alonso conseguiu outro primeiro posto en Sub 14 feminino.

Esta era a segunda parte da primeira proba do ano da Liga Galega de Surf Júnior e Grom, un evento organizado pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, de feito o propio alcalde Juan González Peréz estivo presente durante a xornada e na entrega de premios. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana e Clínica Dental Fontán & De Brito, e coa colaboración especial de Waira Surf, We are Walcott, Xunta de Galicia e Deporte Galego.