A tripulación do Okofen, patroneada por Javier de la Gándara, mantéñense líder da Liga de Inverno Baitra J80 do Monte Real Club de Yates tras a celebración, este sábado, da cuarta etapa da competición. O veleiro, que acabou a primeira manga do día cun cuarto posto, logrou remontar na segunda e cruzar primeiro a liña de chegada, o que lle permitiu continuar na cabeza dunha clasificación que lidera con 10 puntos.
Con quince puntos mantense no seu ronsel o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, un dos equipos destacados na xornada deste sábado, na que asinou un brillante primeiro e un terceiro nas dúas probas disputadas. Non houbo cambios por tanto nos postos de ouro e prata provisionais, e tampouco no posto de bronce, que segue ocupando o Marías do portugués Manel Cunha, con 19 puntos. Xa a maior distancia aparecen o cuarto e quinto clasificados, o Cansino, de Alejandra Suárez, con 34 puntos; e o Spaco de Santiago Estévez, con 44.
As deste sábado foron dúas regatas que o comité, con Miguel Cons á fronte, puido poñer en xogo non sen certa complicación. Tras verse obrigado a atrasar o seu inicio por mor do vento, que non lograba establecerse; unha vez iniciadas as probas tivo que facer un cambio de percorrido na primeira manga, acurtar a segunda, e anular terceira, para a que o vento xa era completamente insuficiente.
Na primeira proba, o Alboroto de Ameneiro navegou con solvencia e foi o primeiro en cruzar a liña de chegada, con certa vantaxe sobre o resto da frota. En segunda posición entrou o Propspeed de Chisco Catalán, cos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal e Ramón Ojea completando tripulación; e o terceiro posto foi para os portugueses do Marías. O Okofen de Gándara entrou cuarto, asinando o seu peor resultado ata a data, pero na segunda manga non perdoou e volveu colocarse na cabeza. Acabou primeiro e segue primeiro na clasificación. Nesta segunda manga, o Marías e o Alboroto acabaron segundo e terceiro, reafirmándose como os dous rivais máis fortes para plantarlle cara ao Okofen.
A Liga de Inverno Baitra J80 continúa este domingo coa quinta xornada de probas a partir das once da mañá. A esa hora poñerase en xogo a primeira das tres mangas previstas para a que será a penúltima etapa da competición, que ten previsto o seu final o próximo 2 de abril.




