
O hospital Ribera Povisa é máis accesible para as persoas con diversidade funcional e está máis envorcado no benestar dos pacientes e do persoal un ano despois da posta en marcha do comité de humanización, creado a finais de 2021 e conformado por 30 profesionais de todos os servizos. “O trato ao paciente en Povisa sempre estivo moi ben valorado, pero temos que dar un paso máis e alcanzar a excelencia”, explicou o xerente do hospital, Rafael Cabadas, na presentación do proxecto aos xefes de servizo e os mandos intermedios, hai agora un ano.
Desde a súa creación leváronse a cabo reunións periódicas para analizar e tratar de resolver os puntos débiles detectados en cada un dos ámbitos. Unha vez identificados, identificouse as áreas de intervención prioritaria e puxéronse en marcha as melloras estruturais, organizativas, asistenciais ou informativas. Entre elas, as de accesibilidade e a humanización das instalacións, coa apertura da nova entrada principal e a renovación da área de Extraccións, consultas de Oftalmoloxía, Área de Maternidade ou Urxencias Pediátricas. Tamén se implementaron melloras para usuarios con diversidade funcional, como un teléfono tradutor en recepción de Urxencias, un pictotraductor (unha ferramenta para a comunicación mediante pictogramas con persoas con autismo e outros trastornos da comunicación) e formación específica para os profesionais.
Entre outras accións, tamén se puxo en marcha un programa de lecer en servizos como o Hospital de Día, ou Hemodiálise con actividades como un bingo ou pasatempos, impartíronse talleres de mindfulness e mitigouse o ruído nocturno co cambio de materiais e nova cartelería para mellorar a intimidade dos pacientes. Os máis pequenos tamén foron protagonistas dalgúns cambios para incrementar a súa autonomía a través de redutores de wc ou materiais específicos. Ao longo do ano, membros do persoal impartiron diversos talleres de RCP en asociacións e colexios da cidade e tamén se incentivou o programa de voluntariado con Discamino, no que participaron máis dunha decena de profesionais do hospital.
Mellorar o benestar dos traballadores foi outro dos eixos de actuación, con obradoiros de benestar e concursos de adornos do Nadal ou para elixir aos mellores compañeiros. “O obxectivo é seguir avanzando na humanización da asistencia hospitalaria, que sexa digna, respectuosa e cada vez máis personalizada”, subliñou a directora de Enfermería, Cristina Serra, que puxo varios exemplos de accións a levar a cabo dentro desta iniciativa. Entre elas, máis accesibilidade nos puntos de recollida dos tickets de cita para as persoas con dificultades de mobilidade, cambios na sinaléctica, maior intimidade en determinadas consultas, máis información ao paciente sobre os procesos asistenciais ou melloras na comunicación á hora de dar malas noticias.
Estas accións continuarán ao longo deste ano e entre os obxectivos xa fixados está a creación dunha biblioteca móbil con doazóns dos profesionais e aumentar os programas de lecer para os pacientes de diálises e crónicos, aos que se sumarán tamén iniciativas para os que están hospitalizados.
Continuarán tamén os obradoiros de coaching, que tan bo resultado de participación obtiveron o ano pasado, e programaranse accións para conmemorar Días mundiais nas que estarán implicados tanto os profesionais como os pacientes. A convivencia entre estes tamén se reforzará con accións como unha camiñada saudable na que tamén poderán participar familiares, e coa posta en marcha dun proxecto de acompañamento para pacientes hospitalizados de longa estancia no que participarán como voluntarios os alumnos da Escola de Enfermería e o Centro de Estudos.