O alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Auga da Laxe de Gondomar realizou este venres pola mañá un acto de solidariedade con Ucraína e en contra de todos os conflitos bélicos que hai agora en diferentes lugares do planeta. Foi este acto a actividade central dunha semana intensa de traballo e reflexión co alumnado sobre que a guerra nunca, nunca, pode ser a solución.
O acto consistiu na lectura dun manifesto da infancia contra todas as guerras, un minuto de silencio e a formación do símbolo da paz para logo converterse nun xirasol xigante e as cores da bandeira de Ucraína acompañada das doutros países en guerra.
Ao mesmo tempo, a comunidade escolar estivo recollendo fondos que se van facer chegar á ONG Save the Children, que está nestes momentos acollendo e axudando a nenos e nenas nos países que fan fronteira con Ucraína.


