
Despois de pechar de maneira soberbia a tempada 2021 con dúas vitorias de dous posibles a bordo do Škoda Fabia R5, Alberto Meira encara esta nova campaña con moita ambición, dadas as posibilidades da súa montura. Ademais, o gondomarense terá á súa dereita ao campión galego de copilotos o pasado ano, Avelino Martínez.
Aínda que non ten entre as súas mans unha máquina tan evolucionada como a dos seus dous rivais pola vitoria na Coruña, que ademais corren en casa, a baza de Meira será manterse preto sen ceder demasiado terreo de inicio, para tentar aproveitarse das incidencias que sucedan en carreira, así que calquera dos chanzos do podio é factible sobre uns tramos con moitas trampas onde é fácil picar, especialmente nos da matinal.
A cita herculina comezará xa o venres co shakedown onde o equipo tratará de deixar todo a punto para este primeiro envite do ano, antes da primeira especial, que iniciará a contenda ás 9 da noite no parque de Bens, moi preto do centro da cidade. O sábado desenvolverase un formato de catro tramos a dobre pasada, practicamente sen cambios respecto ao ano pasado, salvo polo reasfaltado da especial de Cerceda.
O equipo AMF Motorsport espera obter un gran resultado para comezar a tempada e así agasallar aos patrocinadores que estiveron apoiando nesta nova andaina.