O alcalde de Nigrán recibe de mans do CEE Juan María unha “árbore de jade”

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu de mans de usuarios do CEE Juan María (Parada) unha “árbore de jade” como recoñecemento ao compromiso do Concello coa igualdade e a inclusión. Esta iniciativa forma parte da campaña #Ya Soy #SumandoSueños do centro educativo para agradecer a individuos, entidades ou organismos a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.

Á árbore de “jade”, orixinaria de Sudáfrica, forma parte da familia das suculentas e en moitos países asiáticos é símbolo de prosperidade e riqueza, pero para o Juan María a elección desta especie vai moito máis alá. “Ya soy tu planta, y soy muy especial. Si estoy entre tus manos es porque tú también lo eres”, sinala na etiqueta informativa ao tempo que destaca que polas súas características precisa de luz e visibilidade, crece con outras plantas en igualdade, adáptase a todo tipo de chans e pode ser lenta en florecer pero as súas flores son fermosas “e semellan pequenas estrelas”.

“Caminar juntos con un mismo objetivo nos hace muchísimo más fuertes pero, sobre todo, nos hace muchísimo mejores personas, todos por igual. Sumamos soños, sumamos obxectivos, sumamos porque nos queremos e queremos vivir xuntos e convivir. O camiño é longo pero feliz de facelo xuntos”, escribiu o rexedor no libro de honra desta campaña.