O CPA Gondomar volve brillar con luz propia coa súa «Alma Torera»

Este fin de semana tivo lugar o II Trofeo Internacional Concello de Vigo, organizado polo CP Vagalume Celtamotor e onde participaba o Club Patinaxe Artístico Gondomar en grupos pequenos, conseguindo revalidar título ao subirse ao máis alto do podium, acompañados polo Club Carpa Viqueira de Vigo e O Fontiñas de Santiago.

O Club Patinaxe Artístico Gondomar, vixentes campioas galegas e con puntuacións por encima do 9, fixeron vibrar á bancada unha vez máis con Alma Torera, situándoo na antesala da súa participación no mundial que é un fito histórico da patinaxe na nosa comunidade.

As gondomareñas, que partían como claras favoritas, non defraudaron cunha posta en escena impecable baixo os acordes de «La Malagueña», facendo gala dos seus acenos de identidade: velocidade, técnica, expresión artística e a emoción que se plasmou con unanimidade, tanto de xuíces como de bancada, recompensada cunha gran ovación que serve de estímulo para a próxima participación no mundial de Nanjing e traballando para recadar fondos para facer fronte a este novo reto que supón un desafío para a entidade do Val Miñor.