A Sociedade Atlética Val Miñor acudiu a pasada fin de semana aos distintos Campionatos de Galicia que tiveron lugar en Ourense e Pontevedra. Na capital do Lérez celebrouse o Campionato de Galicia de lanzamentos longos para categorías menores. Ata alí desprazouse Jesús González en disco sub 18. O gondomareño acabou proclamándose campión galego de disco sub 18 cun mellor lanzamento de 33,39. A competición fíxose heroica polas duras condicións climáticas que condicionaron o concurso debido á insistente chuvia que facía complicado non esvarar no círculo de lanzamento e axudaba a que o disco escapara da man. Jesús xa viña de ser subcampión galego de peso sub 18 este mesmo inverno.
Outra delegación, moito máis ampla, foi competir a Expourense no Campionato de Galicia sub 10, sub 12 e sub 14 de pista cuberta. Máis alá das 5 medallas acadadas, os corredores do Val Miñor, como é habitual, deron o seu mellor e amosaron o maior dos esforzos en cada unha das probas nas que participaron. A actuación foi moi brillante tanto a nivel individual como colectivamente pero o máis importante é que desfrutaron ao máximo en esta nova experiencia para eles. Experiencia que foi gratificante a nivel deportivo e, sobre todo, a nivel vivencial.
A participación foi a seguinte:
- Eloy Martínez foi medalla de prata nos 50 m sub 10 grazas a un tempo de 8,20. Foi exactamente o mesmo tempo que logrou o vencedor. Ademais foi 8º, con 1.43:84, en 500 m.
- Julián Martínez acadou dous bronces, foi terceiro en 60 sub 12 cun tempo de 8,92 e o outro bronce foi en 500 cun tempo de 1,30,08, que supón ademais unha gran mellora sobre as súas marcas previas e un estímulo moi importante.
- Lena Riera acadou un bronce en 500 sub 10 (1,46,57) e foi 14ª no 50 sub 10 cun rexistro de 9,01.
- Ánxela Basteiro proclamouse subcampioa galega de 500 sub 10 cun tempo de 1,45,70 e foi 10ª en 50 sub 10 cun rexistro de 8,90.
- Belén Silva foi 6ª en 60 m sub 12 con 9,26 e 6ª en 1000 cunha marca de 3,39,14.
- Gabriela Bouzada foi 4ª en lonxitude con 3,73 e 8ª no 60 cun tempo final de 9,27.
- Marta Rodríguez foi 15ª no 1000 sub 10 feminino.
- Lucía Lages foi 26ª en 1000 sub 12 (4,07,83).
- Adrián Lages foi 17º con 1,31,38 en 500 sub 14.
- Anxo Fernández foi 29º en 60 con 9,27 e 18º en 1000 con 3,37,66.
- Brais Montes foi 13º en 1000 sub 14 (3,27,74).
- Alexandra Pacheco foi 16ª en 1000 sub 14 (3,41,02).
- Jesús Costas foi 8º en 2000 sub 14 (7,12,97).
- Bisrat Mein foi 9º en 2000 sub 14 (7,13.76).
- Lucía García foi 16ª en 60 sub 14 (9,12).
Con este Campionato remata a pista cuberta e dá comezo, case sen parón, o atletismo ao aire libre coas distintas competicións escolares (Xogade). A primeira xornada será o 26 de marzo en Balaídos e ata alí acudirán os rapaces do club.





