O gondomareño Ricardo Buba proclámase campión de España júnior

O circuíto do Poliesportiu Municipal “Lles Pereres”, situado en Xátiva, ata o que se desprazou unha gran cantidade de público na ventosa xornada de hoxe, viviu un precioso día de ciclocrós no que o presente e o futuro da especialidade do noso país brindou un gran espectáculo. Os primeiros en probar os 2.500 metros do circuíto de Xátiva foron os corredores da categoría júnior, que tomaron a saída ás 9:30 horas.

A carreira, en primeira instancia, contou con gran protagonismo dos ciclistas do conxunto local Teika, que situou entre as cinco primeiras posicións a Raúl Mira, Pablo Calvo e Iván Gomar. O paso das voltas foi permitindo emerxer aos galegos Ricardo Buba, que se xogou o ouro nun bonito man a man con Raúl Mira, e Iván Martínez, que xunto a Carlos Gámez pelexou polo bronce con Pablo Calvo.

A volta final foi a encargada de decidir de forma definitiva a composición do podio, ao que se subiu como campión de España Ricardo Buba, grazas a un sensacional xiro final no que superou a Raúl Mira que se fixo coa segunda posición; mentres que o bronce foi para o catalán Carlos Gámez, que logrou soltar a Iván Martínez e Pablo Calvo no instante decisivo de carreira.