Nigrán pecha a programación do mes da muller co espectáculo “O Benquerer(se)”

O Concello de Nigrán pecha a súa programación especial do mes da muller este domingo 13 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co recital humorístico e musical “O Benquerer(se)”, a cargo do dúo poético Aldaolado, formado por Lucía Aldao e María Lado. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Ao longo da actuación mesturarán poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguen atopando na súa vida pública e privada. Cun afiado sentido do humor, Aldaolado fala do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma e de todos aqueles temas cos que van tropezando no seu camiño cara o empoderamento. Para isto parten de experiencias propias que aparecen nas historias e poemas, pero tamén chaman por mulleres que marcaron a nosa historia.

O Concello de Nigrán, a través do CIM, ofreceu desde o 11 de febreiro, “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia”, máis dunha vintena de eventos e actividades integrados á súa vez na conmemoración do 8-M, Día Internacional da Muller.