A poesía será a protagonista do mes de marzo na Biblioteca Municipal de Baiona

A Biblioteca Pública Municipal de Baiona desenvolverá “O Mes da Poesía”, un programa de actividades ao longo do mes de marzo para conmemorar o Día Internacional da Poesía, o día 21, a data escollida pola UNESCO para conmemorar unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade.

A programación impulsada pola Biblioteca co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética terá como autora protagonista a Montserrat Villar, coa presentación dos seus dous últimos libros e obradoiros literarios para todas as franxas de idade a cargo da mesma autora.

A primeira das actividades que dará comezo o inicio do mes literario terá lugar este xoves, 10 de marzo, ás 18:00 horas, coa presentación dos dous últimos libros, “Somos rama/Amor somos” e “Sumergir el sueño/Sulagar o soño”, da poeta Montserrat Villar González, no Edificio Multiusos Mercado de Sabarís, situado na Avda. Doutor Fariña, 3.

A vindeira semana, o mércores 16 de marzo, ás 17:00 horas, no propio edificio da Biblioteca, Rúa Manuel Valverde 4-6, terá lugar un obradoiro de poesía e pintura. A partir de poemas e contos lidos e contados, os nenos elixirán elementos dos poemas e os pintarán. Posteriormente intentarase crear un texto orixinal en imaxes con eles. O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos.

O mércores 23 de marzo, ás 17:00 horas, realizarase o obradoiro de poesía “Platero y Yo e outros poemas”, no que se xogará co léxico e as imaxes. Posteriormente, intentarase crear un texto orixinal cos cativos e cativas participantes. O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos.

Así mesmo, o mércores 30 de marzo, ás 17:00 horas, realizarase un obradoiro de poesía para adultos. Leranse poemas de diferentes autores con temática de biografía. Explicaranse os autores, un breve contexto e os poemas, para que poidan ser entendidos e valorados. Tamén farase un obradoiro de escritura posterior. O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a un público a partir de 14 anos.

Para poder participar nos distintos obradoiros ofertados é necesaria a inscrición previa ata completar o aforo na Biblioteca Pública Municipal ou a través do 986 35 59 43.

A iniciativa completarase coa Ruta da Poesía, na que poderase desfrutar da lectura de diversos poemas dos autores actuais máis representativos da sección de poesía do catálogo da Biblioteca Pública Municipal de Baiona a través dun roteiro literario por visibles lugares da Vila.