O BNG chama á veciñanza a apoiar e participar nas mobilizacións feministas do 8 de Marzo

O BNG de Gondomar chama á veciñanza a apoiar e a participar nas mobilizacións feministas do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que no ámbito do Val Miñor sairán ás 11:30 horas desde cada un dos tres concellos para confluíren ás 12:30 horas na Ramallosa, e en Vigo partirá da Praza dos Cabalos ás 19:30 horas, baixo o lema “Nin escravas, nin heroínas, Mulleres con Dereitos Xa!”.

Para o BNG as accións arredor do 8 de marzo deben servir para “sermos conscientes das cuestións pendentes e inaprazables da axenda feminista”, e instan ás administracións ao cumprimento daquelas máis urxentes. “A administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza, debe ser unha referencia para combater a desigualdade entre mulleres e homes”.

Por iso, a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, reclama do Goberno local o “desenvolvemento de políticas efectivas para acadar a igualdade real entre mulleres e homes, e o cumprimento dos compromisos pendentes. Porque de nada serven as fachadas lilas ou as frases inflamadas en días sinalados, cando na práctica fican simplemente en cores ou enunciados baleiros”.

Así, en recente nota de prensa, desde o departamento de Igualdade lembraban á cidadanía que “a loita e as reivindicacións do 8M deben prolongarse todo ano”, “mais tanto a concelleira Nuria Lameiro como o Alcalde Paco Ferreira esqueceron lembrar que xa levan sete anos con competencias de goberno nesa materia”.

Un goberno que ignora os acordos tomados no seo do Consello Municipal da Muller (CMM), órgano conformado precisamente por mulleres que representan aos colectivos feministas, sociais, veciñais, sindicais e políticos que teñen presenza no concello.

Un goberno que ignora acordos aprobados en pleno, tamén co voto favorable do grupo de goberno, determinantes para a consecución desa igualdade e que nunca son executados:

  • Segue sen se dotar a Área de Igualdade de orzamento específico e suficiente (porque o Alcalde leva sete anos sen ser capaz de aprobar un orzamento propio), que posibilite que esta sexa verdadeiramente transversal, que traballe en coordinación con todas as concellarías e que garanta o desenvolvemento axeitado do Plan de Igualdade do Concello.
  • Seguen sen se impartir a formación en feminismo e igualdade para todo o persoal traballador do Concello e integrantes da Corporación Municipal, a comezar polo equipo de goberno co Alcalde á cabeza.
  • Segue sen se elaborar un protocolo contra a discriminación e o acoso laboral ou sexual que puideran sofrer as traballadoras e traballadores do Concello de Gondomar.
  • Segue sen se prestar o servizo de aulas matinais nos colexios e sen servizo de comedor nas aulas do CRA, medidas imprescindíbeis para a conciliación.
  • Segue sen se incrementar o tempo de contratación das precarizadas traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM), de xeito que se poida ofrecer en mellores condicións o asesoramento e a atención xurídica e psicolóxica necesaria a todas as mulleres de Gondomar que o precisen.

O BNG tamén denuncia que o Alcalde non convocou o pleno de marzo, impedindo así o debate e aprobación de novas propostas para promover a “igualdade entre homes e mulleres os 365 días do ano”. En calquera caso, “o BNG levará a moción polo 8M ao pleno seguinte e, entre outras propostas, volverá instar ao goberno a crear de xeito inmediato unha Bolsa de Emprego Público (BEP) que permita cubrir, de xeito interino e no menor tempo posible, a praza de avogada que quedará vacante por xubilación a partir do vindeiro luns 14 de marzo”, indica Rodríguez.

A avogada xubilada cubría o posto de asesoría xurídica do CIM, que ofrece asesoramento ás mulleres sobre calquera situación que requira orientación en materia legal e que agora está sen atender. Esta situación obriga a derivar casos, co conseguinte agravio para as usuarias, polo desprazamento a outros CIMs da contorna, e para as traballadoras destes, polo incremento na súa carga de traballo.