
O baionés Gerardo Collazo vén de publicar a súa cuarta novela, titulada “Agarimo”. Trátase dunha obra de ficción que se desenvolve entre Vigo e o Val Miñor, en diversas épocas, dende a aparición das primeiras vilas da comarca ata a actualidade, pasando polo descubrimento de América, o asedio do pirata Drake en 1585 e a Guerra Civil española; lonxe de ser unha novela histórica, “Agarimo” critica dende o humor e a fábula a actual situación de Occidente, en relación coa crise dos refuxiados e a súa xestión por parte das diferentes organizacións europeas.
O coñecido fotoxornalista Bruno Thevenin cedeu á editorial os dereitos da imaxe de portada, unha instantánea tomada durante a súa estancia no Open Arms o pasado ano.
Para entender o carácter dominante dun Occidente codicioso e carente de empatía, haberemos de remontarnos ao “descubrimento” de América, acontecemento que marcou para sempre o sino do Vello Mundo, onde enfermas conviccións arrástrannos a vivir unha prolongada sucesión de fatídicos acontecementos: conquistadores, piratas, buscavidas e extraterrestres, tecen unha historia cargada de humor que pretende caricaturizar o aberrante resultado da nosa conquista.
O autor
Gerardo Collazo Vilar (20 de marzo de 1988, Baiona) é escritor, xornalista pola Universidade Complutense de Madrid, técnico superior en realización de espectáculos e audiovisuais, especialista en márketing dixital e pintor. Publicou a súa primeira novela, “El Amanecer de los justos”, en 2014. En 2015 publicou a súa segunda novela, baixo o título “Autopista Roswell”. En 2019 publicou a súa primeira antoloxía de relatos, titulada “Me he dejado los conejos atrás, ¡y no me importa!.
“Agarimo”, publicado pola editorial galega Tandaia, xa está á venta en calquera librería. Tamén nas seguintes ligazóns: