Bronce para a baionesa Ainhoa Repáraz no Campionato de España sub 18

O pasado fin de semana disputouse en Valencia o Campionato de España sub 18 de pista cuberta onde achegouse a Sociedade Atlética Val Miñor coa súa atleta Ainhoa Repáraz Sánchez nos 200 metros. A velocista miñorana acadou unha medalla de bronce nos 200 que se suma ao ouro acadado o ano pasado na mesma distancia conseguido no Palau Sant Jordi de Barcelona e o bronce nos 100 metros no Campionato de España ao aire libre que se disputou en Huelva no 2021.

Ainhoa presentouse no Lluís Puig valenciano cunha férula na man debido a que tiña un dedo escordado produto da súa participación no Campionato de España absoluto disputado fai unha semana en Ourense.

As marcas de Ainhoa son as súas mellores deste ano en 200, pechando a súa participación con tres carreiras seguidas no entorno dos 25 segundos, algo que fixo por primeira vez na súa vida. En series correu en 25,04, o que lle valeu clasificarse para as semifinais como mellor da súa serie, venceu a súa semifinal con 24,85 e pecharía a súa participación cunha marca de 24,89 que lle valeu para ser medalla de bronce.

Con este Campionato de España remata a tempada invernal e achegámonos á tempada ao aire libre coa mirada posta no Campionato de España ao aire libre que vai disputarse en Jerez de la Frontera (Cádiz) no mes de xuño.

Ao mesmo tempo disputouse o Campionato de Galicia de pista cuberta sub 16 en Ourense. A representación do club estivo formada por Adrián Bernárdez, que logrou meterse en dúas finais (60 e 300) e quedou ás portas da medalla na distancia máis curta ao ser cuarto. Tamén lograron posto de finalista Xesús Martínez en lonxitude e 60, ademais de Uxía Vidal en 60 m v. Uxía tamén participou no 300. Os outros membros do equipo foron: Fernando Álvarez en 60, Aroa Pazo en 600 e Noa Rodríguez en 60.

Para o club o vindeiro obxectivo será a fin de semana coa participación no Campionato de Galicia de pista cuberta categorías sub 10, sub 12 e sub 14.