O Concello de Nigrán súmase mañá, como cada ano, aos actos de conmemoración do 8-M, Día Internacional da Muller. Así, ás 11:15 horas terá lugar a lectura dun manifesto institucional na Praza do Concello (diante do Auditorio Municipal) por parte de Patricia Diego, edil de Igualdade, para, a continuación, participar na marcha feminista do Val Miñor que conflúe ás 12:30 na Ramallosa. O goberno local chama á veciñanza a unirse. Adicionalmente, a Casa Consistorial se iluminará de violeta e unha lona alusiva pendurará tamén desde o balcón.
O Concello ten programado máis dunha vintena de eventos e actividades desde o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e culminará o cartel este domingo coa actuación musical “O Benquerer(se)” no Auditorio Municipal ás 19:00 horas a cargo de Aldaolado. Neste espectáculo, as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguen atopando na súa vida pública e privada.
Ademais, ata este xoves seguirán a celebrarse contacontos nos colexios públicos de Nigrán financiados desde o Concello e sempre coa igualdade como fío condutor.

